Saturday 27 de April de 2024

Dous cursos sobre gandería impartiranse na Pobra


Dúas novas accións formativas desenvolveranse na Pobra do Caramiñal nas vindeiras semanas. O curso ‘Iniciación e mellora da gandería de ovino/cabrún’ transcorrerá do 13 ao 17 de outubro e constará dun total de 25 horas lectivas; mentres que o de ‘Iniciación e mellora da gandería de vacún de carne’ será do 18 ao 22 de outubro, tamén formado por 25 horas lectivas. As clases terán lugar no Auditorio do Museo Valle-Inclán, en horario de 09.00 a 14.00 horas, seguindo as medidas implantadas por mor da COVID-19. Serán impartidos por Joan Alibés, pertencente a Beealia, e dentro dos programas de formación que realiza a Xunta de Galicia para o ámbito rural.

Os obxectivos principais son identificar as necesidades de cada alumno/a para adapta-lo contido dos cursos ás mesmas; proporcionar as bases de coñecemento do sector ovino e cabrún galego (carne e leite); e elaborar un Plan individual para o proxecto/gandería de cada participante.

Ámbalas accións formativas son de balde. As prazas son limitadas e as persoas interesadas en asistir deberán inscribirse a través do seguinte formulario: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSfbkQbWZ-uDgeLMZBbGW5rsECsOnNpmDaHJ17-_gQNNoLe8wA/viewform. Pódese solicitar máis información mediante o teléfono de contacto 981377607 ou o enderezo electrónico medioambiente@apobra.gal.

Organiza a Concellaría do Medio Ambiente, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), en colaboración coa Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL); Beealia; Consellería do Medio Rural da Xunta; Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación; e Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: Europa inviste no rural.